Friday 17 de May de 2024

Gonzalo Muíños sobre a Casa da Xuventude: “vendo o anteproxecto demóstrase que nós tiñamos razón e que a rehabilitación financiada pola deputación é a mellor solución”


Segundo o anteproxecto publicado hoxe na prensa, dos 2.500 metros cadrados que conta o edificio, a maioría irá destinado a salas de usos múltiples, un gran salón para actividades e un auditorio con capacidade para 250 persoas.

O proxecto contempla unha diminución da cota e unha integración na contorna da praza do Matadoiro “Queda claro que a alcaldesa prefire aferrarse ao seu galpón e enganar á veciñanza falando de oficinas cando estamos ante un equipamento público estratéxico” afirmou.

A Casa da Xuventude volveu este luns ao debate político logo de que se fixese público o anteproxecto co que traballa a Deputación de A Coruña para a súa rehabilitación integral. Un proxecto que mellora a imaxe, crea espazos públicos, abre un acceso directo a Belvís desde o Matadoiro e baixa a altura do edificio. O PSdeG pediu explicacións ao bipartito reafirmándose no acordo que, no pasado mandato, alcanzaron co ente provincial: “demóstrase que nós tiñamos razón e que a rehabilitación financiada pola deputación é a mellor solución” afirmou o seu portavoz.

Gonzalo Muíños insistiu en que, de non seguir adiante co acordo que o executivo de Sánchez Bugallo deixou formalizado co ente provincial, o edificio quedará “outros catro anos empantanado”. Insiste en denunciar o ocultismo do goberno nesta materia “sen ter dado explicacións deste proxecto” e acusa á alcaldesa de seguir unha política de “ordena e mando sen diálogo coa veciñanza, que tan sequera puido ver os planos que só lle ensinou á asamblea do BNG”.

Anteproxecto da Casa da Xuventude trala rehabilitación / Fonte: El Correo Gallego

O edil socialista insiste na gravidade de que a alcaldesa “tire ao lixo” unha subvención de máis de un millón de euros, que “siga adiante co derribo dun equipamento público de 2.500 metros cadrados en pleno casco histórico” e de facelo, ademais, “en contra do que din o resto de forzas de esquerda e coa única bendición da súa asamblea sen que a señora Rozas movese un dedo para cumprir a súa palabra”.

Segundo consta nas informacións publicadas sobre a rehabilitación da Casa da Xuventude, o edificio baixaría a súa altura, crearía unha conexión entre o Matadoiro e o parque de Belvís e conseguiría unha integración da Casa coa contorna da praza. Ademais, insiste o portavoz do PSdeG en que os usos municipais suporían o 80% do espazo, “creando salas de usos múltiples, un enorme salón para actividades e un auditorio cunha capacidade para 250 persoas”.

“Está claro que a señora Sanmartín prefire aferrarse ao seu galpón e enganar á veciñanza falando de oficinas de recadación cando do que estamos falando é dun equipamento público estratéxico” denuncia Muíños que lle afea ademais a Sanmartín que o seu proxecto “é o que deseñou o seu propio concelleiro” e critica que esta decisión se poida deber a que a alcaldesa “ten que cumprir cos seus”.